domingo. 24.11.2024

As 15:30 horas de onte, martes 12 de xullo, MeteoGalicia rexistrou 40 graos de temperatura na estación de Xinzo de Limia. Ese rexistro é o máximo anotado por MeteoGalicia en Xinzo na serie histórica que arranca no verán de 2002. 


O dato de onte supera os 36,5 graos rexistrados o pasado sábado, que supuxeron a máxima anual e a máxima desde agosto de 2020. O domingo e o luns o termómetro volveu superar os 36 graos en Xinzo. E onte marcou récord histórico, xa por diante das máximas diarias en Xinzo de Limia de 38,3º en xuño de 2013 e dos 38,2º en xuño de 2017. As seguintes máximas históricas datan de agosto de 2005 (37,9º); agosto de 2016 (37,7º) e xullo de 2015 (37,6). 


Onte, cinco horas antes das tres e media da tarde, ás 10:30, o termómetro xa marcaba unha temperatura superior aos 35 graos e por riba desde nivel se mantivo até as 18:00 horas, segundo os rexistros cada dez minutos da estación de MeteoGalicia en Xinzo de Limia. As máximas anotadas foron incrementando os seus valores a medida que avanzaba a mañá: ás 12:00 había 37,2º, e alcanzáronse os 39º ás 13:40 horas. 


Despois de alcanzar o pico de 40º ás 15:30 horas, os seguintes rexistros estiveron por riba dos 39º até as 16:30 horas e non baixaron dos 35º até as seis da tarde. O día con máis calor do ano mantivo o termómetro por riba dos 30 graos até case as oito da tarde.


Este mércores, a previsión do instituto meteorolóxico da Xunta de Galicia é que en Xinzo a máxima volva situarse ao redor dos 40 graos. Con predición de 39º para Sandiás e Vilar de Santos, e 38º en Rairiz de Veiga. 

Solpor en Xinzo, onte, 12 de xullo. FOTO P.L
Solpor en Xinzo, onte, 12 de xullo. | FOTO: P.L

NOTICIAS A LIMIA | A máxima en Xinzo bate o récord nos rexistros de MeteoGalicia con 40...