Parte dos membros do equipo de Goberno do Concello de Xinzo, capitaneados pola rexedora socialista Elvira Lama, e representantes da asociación de comerciantes Pro Limia, coa súa presidenta Concepción Conde á cabeza, presentaron este mércores no salón de plenos do Concello de Xinzo a programación de actividades para o vindeiro nadal, nas que destaca unha pista de xeo natural -a primeira vez que se instala-, un mercadiño, as visitas do Pai Noel e o Apalpador e unha campaña de descontos para incentivar aos limiáns a consumir no comercio local, cun aforro de ata un 30 por cento, subvencionado polo ente local.
A pista de xeo e o mercado serán as propostas estrela do 4 de decembro ao 7 de xaneiro do 2022. Poderase acceder a ambas de luns a venres en horario de 16:00 a 21:00 horas, mentres que a fin de semana e os festivos os horarios irán dende as 12:00 ás 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O prezo para patinar será de 5 euros, se ben os comerciantes terán a súa disposición entradas á metade de prezo que poderán repartir entre a súa clientela. Tamén se repartirán nas ANPA dos diferentes centros escolares da vila. A pista e o mercado permanecerán pechados o día de Nadal e o primeiro día do ano 2022.
O mercado de Nadal, ubicado nas inmediacións da pista de xeo, contará con dez postos e o número de visitantes será controlado co fin de cumprir coa normativa da Covid - 19. Terá unha entrada e unha saída perfectamente delimitadas, co único propósito de impedir que se produzan aglomeracións de asistentes.
Velaí as actividades programadas polo Concello de Xinzo por datas:
16 de decembro
A compañía de teatro Aneis ofrecerá varias representacións para diferentes idades, dende ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Xinzo. Os máis cativos poderán presenciar "Daniela Pirata" e "Galo Kiriko". Para os raparigos, o título escollido será: "O neno que non tiña recreo" e "Mosca chosca". Rematará o festival teatral coas obras "Unha de zombies" e "O atraco".
21 de decembro
Concerto de Nadal do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia (Casa da Cultura, ás 20:00 horas).
22 de decembro
Quenda para a formación da Escola de Música de Limia, tamén na Casa da Cultura, dende as 20:00 horas.
23 de decembro
- O Apalpador percorrerá as rúas do casco vello da vila e as zonas de ocio da capitalidade antelá, dende as 18:00 horas.
- Ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, terá lugar o Festival Solidario de Nadal 2021, organizado pola Escola Municipal de Gaitas e Percusión do Concello de Xinzo e no que tamén colaborarán os membros da Asociación Cultural Aimil Folc e os alumnos e mestres do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia.
24 de decembro
Chega o Pai Noel á Praza Maior de Xinzo de Limia e na súa casiña recibirá a todos cantos cativos ata alí queiran achegarse.
29 de decembro
As asociacións de nais e pais dos CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares organizan o espectáculo "Escape Room Magic" para cativos, da man de Ian e Elisa. Será na Casa da Cultura de Xinzo de Limia ás 17:00 horas.
2 de xaneiro
O 2 de xaneiro, na Igrexa Nova e a partir das 20:00 horas, programouse un concerto da Agrupación Musical da Limia, Coral Santa Mariña e Chikiband: será o dos 15 + 1 Aniversario.
5 de xaneiro
A cabalgata de Reis sairá o 5 de xaneiro dende o pavillón de deportes ás 18:00 horas, con moitas sorpresas que o Executivo non quixo desvelar. Invirte este ano o percorrido que historicamente tiña sempre o polideportivo como remate e non coma comezo.
Pulo ao comercio local
No acto de presentación da programación de Nadal tamén estivo tamén a presidenta de Prolimia, Concepción Conde, quen adiantou a iniciativa que quere incentivar as compras na vila. Os comerciantes ofrecerán bonos de compra divididos en cinco tarxetas, cada unha delas cun valor facial de 10 euros, esto é, que permitirán ao seu tenedor poder facer adquisicións por valor de 50 euros, aínda que só lle custarán as cinco 35 euros. A diferencia estará subvencionada polo Concello de Xinzo.
As tarxetas bono estarán á venda na caseta instalada na Praza Maior dende o día 7 de decembro ata o día 5 de xaneiro. Ademais, como así confirmou a presidenta de Prolimia, Concepción Conde, "os 79 asociados que participan no programa de descontos colaboran tamén na decoración dos seus escaparates, mantendo a mesma e uniforme temática".