Carlos García, empresario de Xinzo, despídese de familiares e amigos na explanada da antiga fábrica de vidro no polígono. Sobe ao camión da súa propiedade acompañado por outro condutor. Carlos García, ao volante, pon rumbo a Przemysl, no sureste de Polonia, a 9 quilómetros dun país (Ucraína) en guerra.
"Non sabemos o que nos imos atopar alí. Non sabemos que risco imos asumir. É unha viaxe, digamos, privada. Ninguén do goberno se puxo en contacto connosco. O lugar de destino marcouno Cáritas Polonia, que é a entidade coa que nos coordinamos e que obtivo todos os permisos para pasar as fronteiras con este material", explica Carlos, que non para de dar entrevistas. "Tiñamos que saír xa. Imos atrasados".
Son as nove da mañá e o grupo de voluntarios, políticos, familiares e amigos fai unha foto para a prensa e as televisións que cobren o acontecemento. Esperaron uns minutos polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. Porque desde O Carballiño tamén achegaron parte do material. "Tiñan para encher o camión, pero deixamos sitio para o recollido en Xinzo", explica Carlos García, quen agradece o apoio institucional, o dos empresarios do Parque Empresarial de Xinzo e o da veciñanza en xeral.
Fumega non apareceu. Elvira Lama, a alcaldesa de Xinzo, acompañada por Alberto Martínez, concelleiro de Servizos Sociais, departamento que centralizou a recollida coa colaboración de Protección Civil, chegou puntual. Cargou as últimas caixas no camión. "Son medicamentos", explicou. Despois atendeu aos medios e dixo que se cadra podería haber máis envíos.
Entre Xinzo e Przemysl hai máis de 3.200 quilómetros. Mover un camión destas dimensións, sae por uns 7.000 euros. Houbo particulares que fixeron achegas de diñeiro. "Non sei canto xuntamos", di Carlos García, "pero espero ver a lista e poder agradecerlles unha a unha a esas persoas". A súa empresa, conta, fretou o camión que fai parte expedición ourensá a Ternopil (tamén no leste de Polonia), e tamén fretará o que leve até Polonia o material recollido por un sindicato de Ourense.
O condutor que acompaña a Carlos García fará o traxecto até Burgos. Despois haberá relevos. Esperan chegar o venres ao seu destino. Polo camiño irán falando coa familia. Levan consigo axuda, mais tamén a lóxica inquedanza. "Non sabemos o que nos imos atopar alí. Temos que saír xa", despídese Carlos.