“Cres que hai espazos e zonas do municipio pouco seguras, algunha rúa, parque, praza ou instalación en particular?”. “Coñeces o programa de asesoramento e información a mulleres da Concellería de Igualdade de Xinzo de Limia?”. Estas son dúas das 49 preguntas dun cuestionario que se pode cubrir en Internet (pica aquí para ver o cuestionario) co que arranca a elaboración, participativa, do plan de Igualdade de Xinzo.
A enquisa está dirixida a toda a cidadanía, homes e mulleres que viven en Xinzo de Limia, “para poder elaborar un diagnóstico da situación do pobo, coñecer a realidade en materia de igualdade entre mulleres e homes, contar cunha visión detallada da poboación, así como da xestión das políticas públicas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero”, explica o goberno local nunha nota de prensa difundida este mércores.
A intención das redactoras do plan é obter un conxunto de datos sobre a poboación, desagregados en función do sexo, “poder observar, mediante a análise das fendas detectadas, as diferencias e desigualdades nas distintas variables”. O cuestionario debería servir ademais para detectar “limitacións na xestión do municipio que poidan estar a provocando ou perpetuando desigualdades”, avanza o goberno local.
Tamén se pretende que a análise das respostas a preguntas abertas facilite coñecer “as resistencias existentes” ou “a falta de sensibilización” sobre a necesidade de levar adiante medidas que corrixan as desigualdades.
Así mesmo, esa análise axudará a identificar os ámbitos que presentan as maiores limitacións “e determinar as actuacións que garantan a igualdade en aspectos tales como o emprego, a agricultura, educación, a cultura, a saúde, o deporte, o urbanismo, a seguridade ou os servizos de información e asesoramento”, di o Concello.
Cos datos que se desprendan do cuestionario realizarase unha informe diagnóstico, con impacto de xénero, sobre a situación real da igualdade en Xinzo de Limia.