viernes. 22.11.2024

O candidato do BNG á alcaldía de Xinzo, Camilo Vila, presentará este sábado ao equipo que o acompañará nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. A formación nacionalista mantén a súa "aposta por continuar liderando a carreira electoral", xa que foron os primeiros en presentar ó seu candidato en agosto de 2022 e por dar a coñecer aos primeiros nomes da súa lista o pasado 17 de marzo.

Mañá, ás 12:00 horas, o BNG de Xinzo desvelará os nomes das persoas que acompañarán a Vila nas eleccións no Café Cultural Ítaca. "Que se conseguira reunir a este equipo demostra que por fin demos feito unha proposta ambiciosa de verdade", resalta o candidato sobre a lista confeccionada.

O equipo compóñeno 13 persoas titulares e 10 suplentes, o máximo posible. Vila sinala que "é unha mostra do poderío que se conseguiu despois de 12 anos da última vez, así que digo que o BNG de Xinzo volveu". Neste proxecto estarán nomes como o da recoñecida dinamizadora Lucía Novoa ou o do actual concelleiro de Cultura en Xinzo, Ramiro Rodríguez Suárez. Este último, pechará a lista e, deste xeito, mostra "o seu apoio ó relevo".

 

O pasado mes de marzo coñecéronse os primeiros catro nomes que estarían xunto a Vila nesta carreira electoral. O enxeñeiro Manuel Pozo será o seu número 2, a avogada Alba Feixóo ocupa o 3, a educadora social Marta Joga vai como 4 e, o quinto, é o profesor universitario Xosé Manuel Cid. Mañá, os nacionalistas descubrirán ao resto da súa lista. 

Polo momento, Vila avisa que conta co apoio de figuras relevantes do ámbito da cultura e do deporte, pero tamén da xente moza da vila. "Algún partido é capaz de motivar á xente máis nova para que se implique políticamente a nivel municipal? Pois nós si", destaca.

Este encontro, no que tamén estará a deputada do Parlamento de Galicia Noa Presas, servirá para que a veciñanza coñeza as ideas sobre as que se sustenta o proxecto do BNG en Xinzo: "Medrar en Xinzo, Traballar en Xinzo, Vivir en Xinzo, Coidar en Xinzo e Desfrutar en Xinzo, cun obxectivo claro, ser un concello de 10 para volver ós 10.000".

NOTICIAS XINZO | O BNG presenta este sábado a súa lista para as eleccións en Xinzo