O líder provincial do PSdeG-PSOE visitou onte Xinzo de Limia para participar nun acto coa alcaldesa e deputada provincial, Elvira Lama, no que os socialistas reivindicaron a creación dun “cemiterio multicultural supramunicipal, que permita acoller todas as crenzas relixiosas ou prácticas mortuorias que non poden ser practicadas nas instalacións existentes”, sinala o partido nunha nota de prensa.
“Debemos facilitar os proxectos de vida de todas as persoas en condicións de igualdade” e “para alcanzar unha integración plena, a morte, como parte da vida, tamén debe formar parte dos nosos plans”, dixo Elvira Lama.
Desde o PSOE propoñen unha instalación para enterramentos na que, nun espazo común pero con zonas diferenciadas, se reflictan diferentes rexións do mundo “cun deseño paisaxístico que reflicta diferentes culturas, lugares e relixións”.
Sosteñen os socialistas que desde as institucións públicas “debemos considerar o dereito fundamental de toda persoa a recibir sepultura digna e a non ser obrigada a practicar cultos contrarios ás súas conviccións”.
Propoñen unha instalación para enterramentos na que, nun espazo común pero con zonas diferenciadas, se reflictan diferentes rexións do mundo.
Elvira Lama e Rafael Villarino estiveron acompañados do imán da vila, Mohamed Nouri e doutros membros da comunidade musulmá; dos Susana Rodríguez, Nacho Gómez e Marga Pérez; e do secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE, Luis Gulín. Lama dixo que a iniciativa “nace coa vontade de dar resposta a unha nova situación social que vive a provincia, coa chegada de persoas procedentes de todas partes do mundo”.