jueves. 21.11.2024

O próximo 9 de febreiro cúmprense tres meses da colocación da escultura da Dama da Lagoa, creada polo escultor Xosé Lois Carreira, na rotonda da Pista de Morgade, agora rúa da Lagoa. Despois de anos agardando por isto, a peza chegou ao seu lugar e así quedou, polo que dende o Partido Popular de Xinzo esixen ao Concello que a remate e deixe "o estado de abandono" no que se atopa. Lamentan que no tempo de Entroido actual, no que milleiros de persoas visitan a vila, se encontren cunha rotonda "a medio terminar".

Os populares critican que o retraso foi provocado pola "desidia do goberno de Elvira Lama para facer o pago dos importes que se adeudaban ao seu autor, que finalmente pagou a Deputación". Nestes tres meses, a rotonda segue igual que estaba e dende o PP consideran que non foi "tempo dabondo para que o cuatripartito do PSOE, BNG, XA e AXIL a reenchera de terra vexetal e puxera un sistema de rega e céspede, que non faría falta nin sementar porque hai unha empresa limiá, moi preto da estatua, que o subministra en rolos de tépex de colocación inmediata".

 

A falta de iluminación para que a Dama da Lagoa destaque de noite é outra das cuestións que critican os populares, o que tamén proporcionaría seguridade á rotonda na que se atopa pousada. Ademais, propoñen "elevala a lo menos un metro máis sobre a actual base de cimentación, ao igual que o Nexus II ourensán, se o seu autor o vira axeitado".

Dende o PP aseguran que as "liortas nas que se atopa sumida a coalición cuatripartita, incapacítaos para xestionar o Concello e así arranxar moitas das desfeitas nas rúas, pistas e camiños ou atender mínimamente as demandas da veciñanza".

 

O estado no que se atopa a Dama da Lagoa din que é unha "pequena mostra da incapacidade do cuatripartito de Elvira Lama", ao que acusa de "non responder ás demandas de mantemento das infraestruturas existentes nin executar un proxecto propio de importancia" ao longo dos catro anos de mandato.

Califican esta lexislatura de "perdida" en canto a servizos para a veciñanza de Xinzo, na que só se "puxeron na foto daquelas cousas que veñen propoñendo e organizando distintas asociacións e comisións, non exentas dos atrancos que lles poñen moitas veces dende o propio goberno, que desgoberna Xinzo case exclusivamente a golpe de promesas, fotos e electoralistas ideas de última hora".

 

Nesta liña, os populares din que dende o Concello "venden mediáticamente" proxectos "estelares" que só se financiarán con dotación doutras institucións e non municipais.

NOTICIAS XINZO | O PP esixe ao Concello que remate a instalación da Dama da Lagoa