O Partido Popular de Xinzo exíxelle ó Goberno cuatripartito do PSOE, ÁXIL, BNG e XA, que execute a subvención de 60.000 euros que a Deputación de Ourense lle concedeu ao Concello de Xinzo. Esta aportación económica reclámana para que se formalice a compra do edificio da Praza Maior -antigo comercio do Ramón- e así poidan dedicalo ao Museo “Os Mundos de Carlos Casares”, da fundación que tamén leva o nome do escritor e que está presidida por Xavier Casares Mouriño. Actualmente, a colección atópase na planta baixa do Museo Galego do Entroido.
Os populares lembran que a alcaldesa, Elvira Lama, votou en contra da concesión destes 60.000 euros nun dos últimos plenos da Deputación. Pese a iso, "o Concello de Xinzo pode dispoñer desta cantidade ao ser aprobada cos votos do Partido Popular", destacan, para que se formalice dita compra e se instale alí a Fundación Carlos Casares. No caso de que non se execute en tempo e para o fin polo que se aprobou esta subvención, desaproveitaríase esta "importante" achega, o que tamén suporía unha "gran perda" para a cultura, o turismo e o desenvolvemento económico da localidade.
Ademais, a compra deste edificio da Praza Maior e a instalación do museo dedicado a Carlos Casares, un dos mais relevantes escritores e personaxes da literatura e da cultura galega do século XX, permitiría que o MUGAE dispuxese de máis espazo. Ao quedar libre a planta baixa, o este espazo cultural tería un edifcio completo para expoñer a tradición, personaxes e actividades relacionadas coa temática do entroido.