“Se nos somos nacionalistas galegos é grazas a eles, ás xeracións de don Miguel, o cura de Parada, de Antón Xardón, de Xan Xardón e do actual alcalde”, di Rubén Colmenero, empregado en Teko Wood, licenciado do INEF e mestre, futbolista do Antela até hai apenas unhas semanas que pronto cumprirá os 37 e ten unha filla pequena. Cinco meses despois do falecemento do cura de Parada, Miguel Fernández Grande; tres meses e pico desde a substitución de Xan Xardón por Antonio Míguez, o actual alcalde, apoiado polos 7 concelleiros de Xuntos por Vilar de Santos, unha formación que une un par de xeracións de veciños que iniciaron a súa aventura política antes do Bloque, e despois co BNG, e desde hai anos sen o BNG, o impulso dun grupo de mozos, que saíron, regresaron e se estableceron no concello, vai propiciar a unidade do nacionalismo e o retorno do BNG a unha alcaldía histórica.
Con Rubén Colmenero está esta mañá no local comarcal do Bloque en Xinzo, Marcos Nogueiras, responsábel do BNG en Vilar de Santos. Nogueiras ten unha enxeñería industrial, está anotado nas listas de profesores de Secundaria (de cando en cando chámano), pero traballa como agricultor porque é o que lle gusta. Nogueiras, que é de Parada, ten 38 anos e un fillo de 5 anos. “Tócanos a nós, a seguinte xeración. Somos xente que queremos asentarnos aquí. Ter unha vida, un futuro. Temos ideas, iniciativas, é o momento”, di convencido.
Hai ano e medio que Marcos é militante do BNG. Empezou a ir á asemblea comarcal, coa xente da Limia e de Allariz. Animouse. Falou con Rubén. Falou con Sabela, unha mestra agora xubilada que foi tenente de alcalde na época de Antón Xardón e despois concelleira no Rosal (Pontevedra), onde traballou. Foise sumando xente: Juan Luis, Manuel, Celso... A finais do ano pasado decidiron que se presentarían ás municipais. “E fomos falar con eles, coa xente de Xuntos, por respecto político e porque somos veciños. Fomos informalos, sen máis. Pero aí xurdiu a idea. Nese grupo había xente que pensaba en formar un partido co resto de grupos independentes dos concellos da Limia ou se integrar nun partido, no BNG, claro, agora non hai outro. Daquela empezamos a falar. Nós coa nosa idea de nos presentar; eles coa súa de se abrir e ir dando paso”, conta Nogueiras.
“Polo menos esa é a lectura que fixemos cando Míguez foi elixido alcalde e dixo nunha entrevista que el estaría un tempo e viría xente nova detrás”, apunta Colmenero. Nestes últimos meses houbo varias reunións. A seguinte será o 1 de xullo, o día que Colmenero cumpre os 37. O acordo parece encamiñado. Antonio Míguez sería o candidato no 2023. O BNG colocaría os seus líderes por detrás. En realidade hai sete postos, todos, case garantidos. “Eles teñen xa moito apoio, connosco terán aínda máis”, di Colmenero, que foi en posto de suplente na última lista municipal de Xuntos.
O debate está máis en Xuntos que no Bloque. A organización nacionalista deu carta aos seus militantes en Vilar de Santos para negociar. Parece que hai tanta confianza neles que mesmo unha lista en solitario non se vería mal. Pero a aposta é que Míguez e o resto de Xuntos concorran baixo as siglas do BNG, unhas siglas que aínda producen certo rexeitamento nos que foron vellos compañeiros. Vilar de Santos é un símbolo, pero pode ser algo máis.
Primeiro, un exemplo para a reconstrución do BNG na comarca. En Xunqueira de Ambía xa deron un paso. Hai outros concellos nos que o avance é máis lento.
En segundo lugar, os nacionalistas novos, cando menos en Vilar de Santos, teñen as súas propias experiencias e ideas sobre a xestión dun concello. “Gustaríanos que cada concelleiro teña a súa parcela mais non fique só, senón que traballe cun grupo de xente”, di Nogueiras. “E, ao tempo, que o goberno sexa o máis asembleario posíbel, que se reúna á veciñanza para debater e tomar decisións”, apunta Colmenero.
En aspectos moi concretos, o BNG xa vai establecendo as súas prioridades. “Está a dinamización do parque empresarial, crear unha política de vivenda para facilitar o alugueiro e a compra, e o PXOM, esas son as cuestións que vemos máis claras”, informa Nogueiras.
O novo BNG de Vilar de Santos peta á porta da Casa do Concello. A nova xeración de nacionalistas pide paso. Mais a chave está na man dos maiores. Catro décadas de goberno terán producido moito apego. Polo momento, Marcos e Rubén hanse de ocupar en organizar as próximas festas. En xullo haberá decisión.