domingo. 24.11.2024

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou hoxe, de maneira habitual, que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 19.462 deles 2.835 da de Ourense. Ese foi o único dato que publicou o SERGAS a respecto da evolución da sexta onda da pandemia.

A Consellería de Sanidade tomou a decisión de informar só da evolución semanal. Desde hoxe, as cifras oficiais serán o resultado da suma dos casos rexistrados de luns a sábado. Os responsábeis sanitarios galegos seguen así a liña do Ministerio de Sanidad, que hai uns días anunciou que deixaría de publicar datos diarios.

Así, a última referencia a respecto de Xinzo e da comarca da Limia é a do pasado venres, cando a capitalidade rexistraba 121 casos activos e o conxunto da comarca alcanzaba os 171, a cifra máis alta desde o 15 de febreiro.

Neste contexto, este luns, cando se cumpren dous anos da pandemia, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, reuníronse na Casa do Concello coa coordinadora do servizo de Atención Primaria, Cristina Martín Godínez, e a coordinadora de Enfermería, María José Feijoo.

"No encontro, as dúas profesionais sanitarias quixeron transmitir aos responsables do goberno local a súa  total dispoñibilidade para a posta en marcha do recentemente elaborado Plan de Saúde. En espera de que poida ser presentado á cidadanía, avanzaron na posta en común de medidas para mellorar a calidade de vida dos veciños", informa o comunicado de prensa do Concello de Xinzo.

"Diabetes, obesidade infantil, nutrición, educación sexual e reprodutiva, soidade, estimulación cognitiva ou acoso escolar establecéronse como os principais temas sobre os que se poden levar a cabo campañas informativas e talleres para a poboación en xeral", avanza o comunicado. 

Aínda non hai data para a presentación oficial en Xinzo do Plan de Saúde local. 

CORONAVIRUS A LIMIA | O SERGAS só facilitará datos semanais da incidencia da covid por...