Montse Lama (Xinzo de Limia, 1985) é concelleira non adscrita en Xinzo de Limia desde que en febreiro de 2021 abandonase Ciudadanos, a formación pola que foi elixida nas municipais de 2019 e coa que conseguiu unha cadeira no pleno da Deputación. Vive en Ourense, ten tres fillos, a menor, de apenas 19 meses; está en política desde o 2011 e desde a pandemia participa de maneira telemática nas sesións plenarias da corporación municipal por cuestións de conciliación. “Cos plenos ás nove da mañá e con dous nenos pequenos fáiseme moi difícil chegar a tempo”, explica. Iso non foi un problema até o xoves pasado, cando nunha discusión coa alcaldesa, Elvira Lama (PSOE), esta llo reprochou, precisamente o mesmo día no que outras tres concelleiras asistían á sesión tamén por vía telemática. A concelleira non adscrita foi o albo de varios ataques da alcaldesa, que lle acabou negando a palabra en dúas ocasións.
A entrevista estaba acordada antes do último pleno, mais parece oportuno empezar por aí. Como se sentiu despois do acontecido?
Estou un pouco molesta coa alcaldesa. Levo tendendo a man ao goberno de Elvira Lama estes tres anos de mandato porque entendo que a situación é moi complexa pola pandemia. Pero este pleno marca un antes e un despois. En política non todo vale. Entrouse ao terreo persoal. Iso é feo... iso é de persoas cun certo grao de maldade. Eu xamais trataría a un concelleiro da maneira que me tratou Elvira Lama nin diría cousas persoais, como que non estou cualificada para traballar fóra da política.
Como interpreta o que pasou?
Non sei cal é a situación política de Elvira Lama. Non sei se se puxo nerviosa por algunha razón. Pero chega un punto que, despois de tres anos intentando axudar, que te traten como me tratou a alcaldesa... E que lle minta aos veciños. Porque se a Xunta do PP trae axudas para Xinzo, hai que dicilo; e se o Goberno do PSOE trae axudas para Xinzo, hai que dicilo.
Que é o que máis lle molestou: que a sinalase como populista, que lle retirase a palabra ou que dixese que está vostede buscando acomodo noutra formación?
Eu non estou buscando acomodo en ningunha formación política. Grazas a Deus estou barallando distintas posibilidades que me veñen a ofrecer. O de cortar a palabra... unha persoa que representa a un partido progresista... é que non o fan os que son de dereitas. Nunca vivira esta situación. Deume a sensación de que Elvira Lama fixo como un papel de pequena Mussolini. Aquí mando eu, son a alcaldesa e córtoche a palabra porque me dá a gana. Non vivimos nun momento de termos que amordazar ás persoas. Eu podo dar a miña opinión, e ela está mentindo porque está a trasladar aos veciños que a Deputación de Ourense non achega cartos a Xinzo.
Por que di vostede que a alcaldesa minte?
Porque di que a Deputación non aportou. Pódelle gustar máis ou menos, pero a Deputación si que aportou. E mesmo algunha axuda contra a que ela votou en contra. E podo dicir que se eu tivese votado en contra de axudas para Xinzo, como ela fixo, pois agora mesmo o Museo do Entroido non estaría aberto, o carril bici non estaría feito e tampouco a reforma da Reitoral. Elvira Lama di que eu teño un discurso populista porque digo a verdade.
Esta entrevista estaba pensada para falar do futuro político de Xinzo, como foron as entrevistas con Carlos Gómez e con Amador Díaz. Por onde pasa o seu futuro político?
A realidade é que estou no momento de tomar unha decisión porque hai que tomala xa. Teño varias ofertas enriba da mesa. Estou nese proceso de decisión tanto persoal como coa miña familia. Pode que siga en política ou pode que non.
O PP é a súa primeira opción?
Se me permite, prefiro non falar de siglas. A miña traxectoria no PP é coñecida, lévome ben coa maioría da militancia do PP, pero no seu momento decidín saír por unha cuestión que todo o mundo sabe.
Na lista en Xinzo ou na lista en Ourense?
Xa lle digo que estou nese proceso de decisión. Pero son sincera, penso que un político debe residir alí onde fai política. O meu caso agora mesmo é particular, son cuestións familiares, de conciliación, que inclúen á situación do meu marido, que non permiten vivir en Xinzo. Non podo facer o meu día a día en Xinzo.
Coñece a Manuel Cabezas, que parece sinalado para ser o próximo candidato a alcalde do PP en Ourense?
Coñezo. Paréceme unha boa persoa e un bo político. Creo que ten a experiencia necesaria, sabe xestionar, sabe o que fai.
E en Xinzo, como ve este PP de Antonio Fernández e Carlos Gómez?
Penso que o PP en Xinzo aterrou por fin. E está no lugar que tiña que estar: en calma, reconstruíndose, volvendo a empezar. Antonio e Carlos son traballadores. Téñoos en moito aprecio. E penso que o PP ten unha vantaxe con eles a respecto do que pasa noutros partidos: están renovando o PP, recuperando afiliados e reforzando as bases. Volverá moita xente da que se foi...
Pero son sincera, penso que un político debe residir alí onde fai política. O meu caso agora mesmo é particular, son cuestións familiares, de conciliación, que inclúen á situación do meu marido, que non permiten vivir en Xinzo.
Non sei se Ciudadanos ou o PSOE están entre as súas opcións de futuro. Que pensa agora de Ciudadanos e do PSOE?
Con Ciudadanos rompín. Non me gustou o que vivín con eles. Chegou un punto en que pretendían controlar absolutamente todo desde Madrid... sen saben moi ben onde queda Ourense. En canto ao PSOE, pois puxéronme diante un papel en branco para facerme presidenta da Deputación co soldo que quixera. Esa foi a proposta para aquela moción de censura. Fracasaron.
Que balance fai do mandato de Elvira Lama en Xinzo?
Ninguén sabía moi ben por onde había que camiñar na pandemia. Eu decidín, tanto na Deputación como aquí en Xinzo, estar cerca do goberno. Dito isto, teño que advertir que o goberno de Elvira Lama, en canto chegou ao goberno, fixo todo aquilo que criticaban cando estaban na oposición.
A que se refire?
Lémbrome, estando eu no goberno, a Elvira Lama e a Manuel Pérez Campos criticando con dureza as dedicacións exclusivas. Foi o primeiro que fixeron cando chegaron ao goberno. Tamén criticaban que os plenos non foran polas tardes, porque os veciños non podían acudir e dicían que se escurantismo, se falta de transparencia. E agora? Os plenos ás nove da mañá. Cantos veciños van? E por riba nin avisan. Eu souben da comisión do luns, o xoves; e o pleno foi o xoves, o aviso foi cunha semana porque nin sequera respectan os días fixados no seu momento. Andan chamando un a un para convocar.
Entende que á xente de Xinzo lle preocupe que unha concelleira non viva en Xinzo?
Enténdoo. A xente que me coñece sabe dos meus motivos. Estaría encantada de vivir en Xinzo. Teño aquí aos meus pais e aos meus sogros. Pero non é posíbel. Xa levo anos vivindo en Ourense. Mais o que é evidente é que eu traballo para Xinzo. Voto na Deputación a favor de todo o que vén para Xinzo. Mentres a alcaldesa, que vive aquí, vota moitas veces en contra.