viernes. 22.11.2024

Souteliño de Ribeira e Cima de Ribeira son os dous núcleos rurais máis afastados do Concello de Xinzo. Tanto, que as veciñas de Souteliño que este domingo se entrevistan con tres militantes do BNG de Xinzo lembran que houbo un intento para que a aldea de Souteliño fixera parte dos Blancos, o concello veciño. 

Carlos, Diego e Camilo, os tres do Bloque que se encargan da ruta, a terceira das nacionalistas, que xa pasaron por Queirugás, Novás, Mosteiro, Gudín, Faramontaos, Seoane e Fiestras en semanas anteriores, chegan en coche pola estrada dos Blancos. Despois, baixarán cara a Cima de Ribeira por unha vía chea de fochancas. Son os vermús do BNG. No arranque da campaña das municipais, o nacionalismo reactívase en Xinzo recollendo a bandeira dun dos seus sinais de identidade: o rural.  

En Souteliño viven oito persoas. Cinco comparecen á xuntanza xunto á capela. Quéixanse das augas, din que hai que limpar o depósito. Quéixanse do transporte, porque nos Blancos, din, si hai un bus con horarios razoábeis. Quéixanse en xeral do abandono. “Por aquí xa pasou a alcaldesa, e pasou o Amador [Díaz, o tenente de alcalde, responsábel de Medio Rural]. Onde deixastes ao Amador?”, pregúntanlle aos do BNG.

Quéixanse das augas, din que hai que limpar o depósito. Quéixanse do transporte, porque nos Blancos, din, si hai un bus con horarios razoábeis. Quéixanse en xeral do abandono.

En Souteliño a capela ten misa unha vez ao ano, o 15 de maio, o día da festa. A capela está dedicada ao santo Eufrasio, mártir dos infieis, di a lenda, cuxos restos foron trasladados desde Andalucía ao val do río Mao, en Lugo. Pode que Souteliño estivese naquela ruta dos restos do santo.

Hoxe Souteliño, contan os veciños, entre eles un alemán que se instalou aquí hai anos, non está en ruta ningunha. “Unha cousa é estar separados de Xinzo, tranquilos; e outra é estar illados”, resumen os do BNG.  

BNG vermu Souteliño Cima. Municipais 2023 2
Cartel en Cima de Ribeira co convite do BNG de Xinzo.

A ruta polos lindes do concello, onde resisten os últimos veciños, continúa. O asfalto está rebentado en varios tramos até chegar a Cima de Ribeira, e despois igual até a Gorgoloza. Tres veciños (aquí, en Cima, viven unha ducia, pero son menos os que se queixan) as mesmas queixas que arriba e máis. 

Fun informarme ao Concello de Xinzo e a persoa que me atendeu preguntoume se Cima de Ribeira pertence ao Concello de Xinzo...”

“Durante a covid tivemos que baixar para nos vacinar a Gorgoloza, porque en Cima non temos un local social, e iso que a escola está aí, a medio recuperar”, explica unha veciña camiño da misa. Outros veciños insisten nas queixas que xa recolleu no seu día o Diario do Limia. “No inverno vale, pero non pode sen que no verán o camión do lixo pase cada quince días”, protesta Manuel. “Aquí polas casas, con xente ou sen ela, pagas o IBI. E pagas a taxa do lixo. Eu mesmo teño que pagar por dúas casas malia que xa as teño unidas. Fun informarme ao Concello de Xinzo e a persoa que me atendeu preguntoume se Cima de Ribeira pertence ao Concello de Xinzo...”

BNG vermu Souteliño Cima. Municipais 2023 3
A reunión desta mañá de veciños de Cima de Ribeira con representantes do BNG de Xinzo.

“Hai moitos anos, cando viña Isaac Vila por aquí, tamén traía un caderno e apuntaba as queixas”, lembra a veciña antes de se despedir. “E seguimos igual”, lanza unha pulla aos do Bloque, que tamén toman notas. 

Carlos Pérez, responsábel local do BNG de Xinzo, retira o cartel que colocou hai uns días. “Viñemos á noitiña e non había un alma. Parecía unha aldea abandonada. Hoxe, con este sol, parece outra cousa”. Despois seguen camiño de Gorgoloza e de Ganade. É a hora da misa. Nas aldeas queda cada vez menos xente. Ninguén deu até a hoxe coa solución. “Non ten arranxo fácil, non...”, asume Camilo Vila, coa experiencia diaria no seu traballo no Viso. 

Hai xente escoitando ás veciñas destas aldeas no límite. A voz de alerta está dada polo menos desde os tempos de Isaac Vila. Pasaron os anos e a queixa segue escoitándose.

NOTICIAS DA LIMIA | Vermú nos límites