jueves. 21.11.2024

“Acudiron catro comerciantes. Feirantes? Ningún. Non sei se os convocaron. O concelleiro de Comercio apenas falou. Falou case todo a alcaldesa. E dixo cousas que non se entenden. Dixo que a Feira xa non é o que era, que están tendo cada vez menos peticións de postos, que xa non son máis de 200, que son menos. E dixo que os feirantes non queren volver á Praza Maior nin as rúas de antes. E que ela falou con comerciantes da San Roque e que a maioría tampouco queren”, conta unha das persoas que participaron na reunión, o pasado luns, convocada ese mesmo día por Manuel Pérez Campos, o concelleiro de Comercio, para falar do futuro da Feira e da petición de comerciantes, hostaleiros e feirantes de recuperar, no centro, os espazos que o mercado ocupaba antes da pandemia.


“A alcaldesa non quere o traslado a esas rúas. Ela saberá por que. E o único que está facendo e dilatar a decisión. A primeira reunión tivémola en maio. Pasou xuño e medio xullo e nada. O que parece é que quere que pase o verán e que nada se mova e que a Feira e as nosas demandas esmorezan”, comentou ao Diario do Limia un dos feirantes máis significados da etnia xitana veciña de Xinzo de Limia, o colectivo que impulsou a demanda.

 
“A Feira é un elemento que xera riqueza, non só para os feirantes, a quen hai que protexer; tamén é un reclamo para o comercio e a hostalaría local, e ese é un dereito da poboación que tamén hai que defender”, opinaba Carlos Gómez, responsábel do PP de Xinzo, o principal partido da oposición, onte xoves desde a mesma Feira. “Creo que os comerciantes están bastante de acordo en que existan postos nas rúas do centro, na Praza Maior, na rúa San Roque, na Praza dos Ovos. Evidentemente non o groso da Feira, pero hai actividades que poderían convivir perfectamente cos veciños, cos outros negocios, coas terrazas… e iso é o que pedimos desde o PP: sentido común e compresión tamén do que pode supoñer a Feira como polo de desenvolvemento”.

Carlos Gómez, portavoz do PP, onte na Feira de Xinzo de Limia
Carlos Gómez, portavoz do PP, onte na Feira de Xinzo de Limia.

 


Na Feira de onte faltaron os postos de flores, pola excesiva calor, e tamén algún dos habituais, sexa pola mesma circunstancia ou pola competencia doutras feiras no día. Dous meses despois a Feira, toda, segue nos mesmos sitios. A decisión do goberno local xustifícase nun informe da Policía Local que di que convén limitar os postos nas rúas do centro, evitar ocupar as dúas beirarrúas nesas rúas e noutras como a Toural, que é máis seguro evitar as aglomeracións, que sen aglomeracións hai menos roubos e se facilitará o paso de equipos de emerxencia en caso de que sexa necesario.


O informe foi lido polo responsábel da Policía Local diante dos catro comerciantes que asistiron á reunión do luns. O Diario do Limia solicitou ao concelleiro de Comercio o informe unha vez que é público. A resposta, onte, foi que o documento se subirá á web do Concello. 


“Historicamente a Feira estivo sempre no centro, e foi ampliándose cara o Toural. Realmente aos únicos que lles están facendo mal son a hostaleiros e comerciantes do centro. Os mercados do verán son días moi importantes para nós... Temos a razón. Pero non hai maneira. Foron cansando á xente. Impoñen esa ditadura e din que a Feira non volve e punto”, di o comerciante que estivo na reunión do luns.

“Hai que garantir certas medidas e o dereito das veciñas a moverse, pero a Feira dura unha mañá, son dúas mañás ao mes. Penso que non é un esforzo demasiado grande" (Carlos Gómez).


Os argumentos do goberno local teñen que ver con cuestións de seguridade pública. Pero nin sequera o PP, sempre moi sensíbel nesta cuestión, ve neles unha razón de peso. “Hai que garantir certas medidas e o dereito das veciñas a moverse, pero a Feira dura unha mañá, son dúas mañás ao mes. Penso que non é un esforzo demasiado grande, e que podamos ter ese escaparate ou esa bandeira que chame a quen pase polo centro a compartir a Feira”, conclúe Carlos Gómez.


A un ano das eleccións, o caso vello segue sendo espazo de disputa entre un goberno local empeñado en ampliar unha humanización á que se resisten veciños, hostaleiros e comerciantes, unha humanización que está nos plans dos políticos mais que non se vive como necesidade entre a xente. A Feira, os lugares que debe recuperar ou non, é unha batalla máis nesa disputa.  

Feira. Xinzo. 14 de xullo de 2022. Comercio. Toural (4)
A primeira hora rexistrouse a maior afluencia de público á Feira de onte. 

NOTICIAS A LIMIA | “Impoñen esa ditadura e din que a Feira non volve e punto”