[INFORMACIÓN ACTUALIZADA ÁS 19:45 HORAS]
O campamento de verán de Vilar de Barrio atende desde onte a 37 nenos e nenas de 3 a 16 anos. As monitoras, Andrea, Camila e María, da empresa Xeitura, empezaron a quenda (haberá catro, unha por quincena até o 26 de agosto) cunha actividade no pavillón da localidade. Elas empezaron a notar o cambio desde o primeiro día. O goberno local, liderado por Manuel Conde (BNG), tivo que recortar gastos e decidiu substituír o transporte en autobús polo transporte no vehículo de protección civil. “Aos cativos da parroquia de Arnuíde tráenos no coche”, explica María.
Na Casa do Concello, o alcalde mostra a resolución do 28 de xuño, o martes da semana pasada, da Secretaría Xeral da Igualdade. Rairiz de Veiga, Sandiás, Trasmiras, Vilar de Barrio e Vilar de Santos quedaron excluídas das subvencións ás entidades locais “para a promoción da igualdade”, en concreto, do Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
Só o Concello de Porqueira, entre a media ducia de concellos limiaos que solicitaron a axuda para poder levar adiante os campamentos de verán, que permiten a nais e pais dispoñer dunha solución para que as súas fillas e fillos estean atendidas cando xa rematou o curso escolar, obtivo a resposta favorábel da Xunta e recibirá unha subvención de 9.633 para desenvolver o seu programa.
No caso de Rairiz de Veiga, onde o programa se denomina Reforzo educativo para nenas e nenos en horario laboral dos proxenitores, a subvención que se pediu apenas superaba os 5.000 euros. Non afectará ao campamento -como por erro se informou na primeria edición desta noticia-, explicou ao Diario do Limia a alcaldesa, Asunción Morgade. O salario da monitoria do campamento págase cunha subvención da Deputación. A negativa de Igualdade afecta a unha proposta para un servizo de "madrugadores", sinala Morgade.
En Vilar de Santos, outro dos concellos excluídos, o alcalde, Antonio Míguez (Xuntos por Vilar de Santos), critica que a resolución se publicase o martes pasado, con moi pouco tempo para reaccionar. No seu concello, o campamento arrancou o día seguinte, 29 de xuño. En Vilar de Santos contan con atender a uns 60 cativos e cativas este verán, e moitos, de fóra do concello.
Pasa tamén no resto de concellos que ofrecen este servizo. Até Vilar de Barrio acoden familias de Xinzo, Xunqueira de Ambía ou Baños de Molgas este ano. Alí, as tres monitoras desenvolven un intenso programa de luns a venres en horario de 9:30 a 13:30 horas. “Temos actividades relacionadas coa igualdade de xénero, pero tamén coa saúde, a cooperación, a posta en valor do patrimonio ou a sensibilización medioambiental. Ademais, iremos á piscina e faremos algunha excursión a Allariz e a Baños”, conta Andrea.
“Levabamos tres anos con este programa, Vilar de Barrio concilia. Para nós a dinamización social é unha prioridade fronte a outras políticas no rural. Mais se os concellos pequenos que empezamos dinamizar e a espertar socialmente non temos apoio, volvemos ás mesmas. Non podemos dicir que apoiamos o mundo rural e, ao mesmo tempo, non poñer diñeiro”, láiase Manuel Conde, o rexedor de Vilar de Barrio.
O programa Vilar de Barrio concilia reducirá este ano o gasto a 14.278 euros, desde os 17.000 que se solicitaron no proxecto enviado á Xunta. En Vilar de Santos, o gasto que deberá asumir o concello é de 13.272 euros. No caso de Sandiás, o Programa de conciliación do Concello de Sandiás aspiraba a unha axuda de 7.200 euros.
Para nós a dinamización social é unha prioridade fronte a outras políticas no rural. Mais se os concellos pequenos que empezamos dinamizar e a espertar socialmente non temos apoio, volvemos ás mesmas. Non podemos dicir que apoiamos o mundo rural e, ao mesmo tempo, non poñer diñeiro”, di o alcalde de Vilar de Barrio.
En Trasmiras, o alcalde, Emilio Pazos (PP), non desbota a posibilidade de que se revisen as solicitudes e o programa Trasmiras concilia poida recibir parte dos 21.000 euros solicitados para este verán. En Trasmiras a previsión é atender a máis dun cento de nenas e nenos, en concreto 103. Mais dada cantidade de inscritas e inscritos, o concello decidiu afrontar unha parte con fondos propios e outra con cuotas que deberán pagar as familias.
Na mesma resolución que colocou en lista de espera as solicitudes destes cinco concellos limiaos, e dentro doutras partidas, si foron atendidas distintas demandas nos casos de Calvos de Randín e Xinzo de Limia, mentres Vilar de Santos recibirá 8.100 euros para o servizo de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.