“O dereito a pedir unha excedencia por coidado de familiares: Este dereito non poderá superar os 2 anos para coidar a familiares de até 2 grao de consanguinidade ou afinidade, que non se poidan valer por si mesmos e non desempeñen ningunha actividade retribuída. Mantense o dereito a reserva do mesmo posto de traballo durante o primeiro ano e o dereito de reserva dun posto do mesmo grupo profesional ou equivalente no ano seguinte. O primeiro ano considerarase tempo cotizado á Seguridade Social”, di no capítulo 3 da Guía de dereitos, recursos e programas para mulleres que este mércores presentou Elvira Lama, alcaldesa e responsábel de Igualdade, na Casa do Concello de Xinzo de Limia.
A Guía é un compendio de informacións diversas que pretende ser unha ferramenta para unha defensa individual e colectiva do Principio de Igualdade “recoñecido pola Convención sobre a Eliminación de todas as formas de Discriminación contra a Muller aprobada pola ONU en 1979”, como subliña no prólogo o equipo de Red Talento, a consultora que dirixe Laura Seara, encargado de elaborar os textos.
“É unha publicación que conta co financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e que estará á disposición das veciñas no propio Concello de Xinzo, onde o Rexistro, e nos servizos sociais, no CIM e noutros espazos municipais. É para uso e consulta de cuestións laborais, de saúde, familia, asistencia social, recursos para o emprego e outros. Esperamos que sexa útil, que dea respostas”, dixo a alcaldesa na presentación, na que non estivo acompañada.
A Guía consta de 80 páxinas e está dividida en nove capítulos. Conclúe cunha relación de enderezos de interese: desde a dirección e os teléfonos e correos do Centro de Información á Muller e a Oficina de Educación, Inmigración e Minorías, ambos en Xinzo de Limia, até os diferentes servizos de información da Administración Pública (o Teléfono 016, que atende 24 horas ao día en 52 idiomas; o ATENPRO, para vítimas de violencia de xénero; o servizo de asesoramento xurídico da Xunta; os diferentes servizos de atención psicolóxica); así como recomendacións de aplicacións para teléfonos móbiles, e os contactos de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e centros sanitarios en Xinzo.
É para uso e consulta de cuestións laborais, de saúde, familia, asistencia social, recursos para o emprego e outros. Esperamos que sexa útil, que dea respostas”, dixo a alcaldesa na presentación, na que non estivo acompañada.
“Constitúe acoso sexual, calquera comportamento, verbal, ou físico, de natureza sexual que teña como propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea un entorno intimidatorio, degradante ou ofensivo”, explica a Guía na páxina 25 para advertir sobre o acoso sexual por razón de sexo no ámbito laboral.
A alcaldesa advertiu contra os discursos que negan ou pretenden revisar dereitos das mulleres xa asentados e dixo: “que todo o que se poida facer desde o ámbito municipal, axuda”; e pediu o compromiso dos homes na loita e defensa da igualdade entre homes e mulleres.
Elvira Lama tamén avanzou que o Plan de Igualdade, que elabora tamén a consultora Red Talento, está “en fase de redacción” despois de diferentes encontros e dunha enquisa pública “na que participaron unhas 300 persoas”, e estima que poderá ser presentado no mes de novembro.