A Asociación de Hostaleiros da Limia, un colectivo duns corenta empresarios de Xinzo, decidiu sumarse á convocatoria galega e chama a un peche de 24 horas mañá luns. “A hostalaría de Xinzo para porque xa non aguanta máis”, comenza advertindo o escrito que se empezou a difundir en redes sociais e que será a base da declaración que se lerá mañá na praza Maior.
Ademais do peche, as hostaleiras e hostaleiros reuniranse nunha concentración ás 12:00 horas na praza Maior á que convidan a acudir á veciñanza, resto de sectores sociais golpeados pola crise da suba de prezos da enerxía e outros bens e ás representates insitucionais.
As hostaleiras e hostaleiros rebélanse contra unha situación que leva, segundo elas, a que “veciñas e veciños do sector da producción e da distribución non dean feito fronte a este roubo, apoiado por moitos gobernos e organizado por catro ou cinco empresarios que sempre teñen a cama quente”.
O comunicado critica ademais a “esaxerada e desproporcionada da enerxía” e lamenta que “por se aínda non fora pouco o peche masivo dos nosos negocios durante a pandemia, agora pagamos a luz deste ano e do que estivemos pechados”.
Desde a asociación lembran que tanto o pequeno comercio como a hostalaría mostráronse solidarios con agricultores e gandeiros, así como cos transportistas, nas súas protestas dos últimos días. E esperan reciprocidade na acción que emprenderán este luns, de tal xeito que Xinzo volva vivir unha xornada reivindicativa que alerte aos distintos gobernos.
“Se queremos ser escoitados alá ó lonxe temos que berrar con forza e ó unísono, alzando as nosas voces xunto coas dos gandeiros e agricultores limiaos, xunto coas dos transportistas limiaos e xunto coas dos autónomos limiaos”, subliña o comunicado.
E conclúe: "Non podemos permitir seguir afundindonos cada vez máis neste pozo de inxustizas cavado polos intereses politicos e económicos duns cantos cando vemos que todo un país se está erguendo por sair del".