Pasou o verán e a feira de Xinzo non se moveu do sitio. Pasaron tres meses e o informe da Policía Local co que o goberno municipal de Xinzo xustificou a súa decisión de non mover a feira segue sen aparecer. O concelleiro responsábel de Comercio, Manuel Pérez Campos, rexeitou esta mañá, preguntado polo Diario do Limia, calquera responsabilidade no atraso. "Eu non me encargo desas cousas", foi a súa resposta. Hai tres meses, na feira do 14 de xullo, o propio Pérez Campos afirmou que o informe, solicitado o día anterior por este diario, se colgaría na web municipal. Á hora de redactar esta información tampouco os responsábeis de comunicación do goberno de Elvira Lama foran quen de dar unha resposta.
O certo é que o malestar entre hostaleiros e comerciantes da área da praza Maior e da rúa Toural -as zonas nas que, despois da pandemia, se decidiu retirar os postos como medida de precaución sanitaria- non desapareceu co verán. O que si hai é medo a enfrontarse directamente cun goberno local que se mostrou inflexíbel nas sucesivas reunións.
Esta é a queixa anónima e resumida dun grupo deles este mesmo venres, día de feira en Xinzo: “Un montón de xente seguimos sen entender que a feira siga 'abaixo' por culpa da pandemia cando o resto de eventos se fan coma antes da pandemia. Xa sabemos que son só dous días, pero son dous días ao mes que nos permiten respirar mellor a comerciantes e hostaleiros. Parece mentira que a alcaldesa esquecera a súa orixe de comerciante local e non faga nada por botar unha man cando andamos máis afogados polas facturas da luz, impostos e demais gastos. Só queremos volver traballar ao cento por cento, como se traballaba hai un par de anos”.
"Un montón de xente seguimos sen entender que a feira siga 'abaixo' por culpa da pandemia cando o resto de eventos se fan coma antes da pandemia. Só queremos volver traballar ao cento por cento, como se traballaba hai un par de anos", din un grupo de veciños que prefiren manter o anonimato.---
Na feira deste 14 había menos xente e menos postos. Notouse a chuvia e o tempo, máis fresco, e tamén se notou a marcha de retornados e visitantes que aínda animaron as feiras de setembro.
O Partido Popular de Xinzo ofreceu o seu punto de vista. “Non é de recibo o desleixo e abandono dos empresarios do parque empresarial, ou no caso das feiras, seguir dándolle as costas unha e outra vez aos sectores gravemente prexudicados polo desprazamento do centro desta importante actividade económica. Desoíndo a opinión dos afectados que ven perigar os seus negocios e postos de traballo, por dous medios días ao mes, o do 14 e o do 27”, manifestaron os populares na súa resposta á preguntas deste diario.
A respecto do informe da Policía Local, os populares opinan: “Semella un chiste se non fora por a dramática situación dos empresarios. Ou non existe o dito informe ou será un papel en todo caso contrario á opinión maioritaria dos afectados. E todo por unha teima incomprensíbel da alcaldesa coa complicidade do concelleiro de Comercio quen, efectivamente, comprometeuse hai meses a facer público o informe”.
Finalmente, desde o PP sinalan “a parálise absoluta e a impresentábel morea de promesas incumpridas polo cuatripartito, e que se evidencia en moitos eidos da xestión municipal, pero que é especialmente grave cando afecta o desenvolvemento económico; aos autónomos, empresarios e postos de traballo”.